Ruta do Arnoia

Pequena ruta de interpretación patrimonial na ribeira do Río Arnoia coa que se pretende achegar a importancia deste río no pasado, presente e futuro de Allariz.

Datas: 
11 e 18 de novembro de 2012 (posibilidade de realización noutras datas baixo reserva previa)

Temática: 
Etnografía, Historia, Arqueoloxía Industrial, Gastronomía, Bioloxía, Ornitoloxía

Descripción da actividade: 
A actividade comeza coa visita á Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras, hoxe convertida nun restaurante-museo. Neste lugar, da man dun artesán do coiro, poderás comprender o longo e complexo proceso do curtido das pieles. Actividade na que Allariz foi un verdadeiro referente nos finais do século XIX e comezos do XX.             

Vista aérea da Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras / Foto: Concello Allariz

Mediante un pequeno paseo polo que se coñece como o “medio kilómetro máis bonito de España” descubrirás as orixes de Allariz e retrocederás no tempo coas pegadas da Ponte da Vilanova, sita baixo o monte no que noutrora estaba a famosa fortaleza medieval. Coñecerás o Muíño do Burato, pechado na década dos 60 do pasado século como consecuencia do abandono do agro, a emigración e a aparición do pan industrial. Neste lugar poderás observar o funcionamento dun muíño hidráulico tradicional e coñecer da man do seu muiñeiro algunha das lendas e cantigas das “muiñadas”.   

A ruta continúa, acompañados dun especialista en patrimonio, polas beiras do Río Arnoia ata o Muíño do Briñal. Neste pequeno paseo de apenas 3 km poderás comprender a importancia desta arquitectura e o seu papel dende o pasado como ferramenta necesaria para a moenda, ata o presente como recurso cultural. 


Goza dun bo xantar, coñece xente e divírtete cos teus amigos mentres degustades os produtos típicos do outono. Recarga forzas para poder continuar acompañando ó discorrer do río e internarte no corazón da Reserva da Biosfera de Allariz. Neste derradeiro tramo poderás observar a cara máis descoñecida do Río Arnoia e visitar in situ varios muíños hidráulicos entre os que destaca o inigualábel Muíño das Escadas, onde reside un dos mamíferos máis ameazados de toda a península. Neste percorrido final poderás observar, mediante a axuda dun especialista e a práctica do birdwatching, toda a riqueza biolóxica que agocha este recuncho do río.                 

Birdwatching / Foto: Bilurico Medio Ambiente

A actividade rematará na aldea da Portela de Magarelos. Dende este lugar ás 17:30 horas aproximadamente sairá unha furgoneta con destino ó punto de encontro e de orixe da ruta.     



Descripción da ruta: 
Dificultade: BAIXA  
(marcha efectiva de menos de 2 horas por terreos sen grandes desniveis)  

Lonxitude total: 7,8 km.

Altitude máxima: 544 m.                               Altitude mínima: 423 m.



Punto de encontro: 
Café Bar O Recuncho do Arnoia  
Parque do Portovello, 1 Baixo 32660 Allariz (OURENSE) (VER EN GOOGLE MAPS)

Esta cafetaría encóntrase xusto na  entrada principal do Festival de Xardíns cun amplo aparcadoiro. Hora de reunión: 10:30



Recomendacións: 
Equipo aconsellable: mochila pequena con chuvasqueiro e paraugas e algo de avituallamento (froitos secos, froita, chocolate, bebidas...). Aínda que as previsións do tempo sexan boas recomendamos levar roupa de abrigo e calzado adecuado para camiñar pola ribeira do río. Asemade recomendamos tamén deixar unha muda no punto de inicio da ruta.  

Comportamento: parte do roteiro realízase dentro da Reserva da Biosfera de Allariz, xa que logo a nosa conduta debe ser respectuosa co medio atendendo en todo momento as indicacións da organización.                      


No hay comentarios:

Publicar un comentario